
PREMIOS: O director técnico da CRTVG, Antonio Posse, Enxeñeiro do Ano; o Presidente da Corporación Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre, Socio de Honra; Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais para o Sistema Intelixente de Monitorización de Alertas Persoais (SIMAP) da Sociedade Tecnocoid; Arantia 2010 recibe o Premio á Mellor Aplicación TIC; e o Premio Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial TIC é para a empresa Imatia Innovation.
* A XII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, presidida por Emilio Pérez Touriño, acolleu a presentación do audiovisual “Banda Larga: acceso universal á información e aos servizos”.
* O decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, fixo un chamamento a prol do desenvolvemento do sector TIC autonómico, para o que pedíu o compromiso da Administracion, e subliñou o papel destacado que debe desempeñar o colectivo de enxeñeiros de telecomunicación na constante mellora da calidade de vida dos galegos.
Os nosos patrocinadores:

Mesa presidencial na NGT2007
O Gran Hotel Hesperia da Toxa acolleu a XII edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2007, punto de encontro para os profesionais das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e a sociedade da información. Na gala, presidida polo xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, e organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), déronse cita máis de 300 profesionais do sector TIC, superando así cifras de asistencia de edicións anteriores.

Asistentes á NGT2007
O acto de presentación da “Banda Larga en Galicia: Acceso Universal á Información e aos Servizos” abríu o programa desta XII edición, da man da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, da Consellería de Innovación e Industria, Helena Veiguela, quen deu paso á proxección dun audiovisual no que se expuxeron os principais datos sobre cobertura, acceso e usabilidade da Internet en toda a xeografía galega e sobre a importancia da Banda Larga como vehículo clave para a plena inserción da cidadanía galega na Sociedade da Información.

Cea de gala na NGT 2007
No marco da Noite, o COETG fixo entrega dos seus xa tradicionais premios. Nesta ocasión, o director técnico da Compañía Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), Antonio Posse Pena, recibíu a distinción Enxeñeiro do Ano 2007, pola súa decisiva contribución ao desenvolemento da profesión de enxeñeiro de telecomunicación na comunidade galega, destacando especialmente a súa traxectoria profesional, asentada nun profundo traballo de base, dedicación e constancia, contribuíndo así ao prestixio e bo nome da profesión. Tamén destaca o COETG a dotación, desde o seu posto, da máis alta tecnoloxía no equipamento do ente público autonómico galego CRTVG.

Premiados na NGT2007
O presidente da Corporación Voz de Galicia e editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández- Latorre pasa a engrosar no presente ano a lista dos Socios de Honra da AETG, distinción que premia as personalidades destacadas no apoio e na promoción do sector TIC en Galicia. As Xuntas Directivas do COETG e da AETG valoraron como razóns determinantes deste recoñecemento o seu liderato en canto a: o alto compromiso coas Tecnoloxías da Información e da Comunicacion, en especial coas infraestruturas de comunicación, dentro da súa propia organización; a forte implicación do seu grupo corporativo en empresas vinculadas ao sector TIC, así como o elevado compromiso coa creación de emprego na nosa comunidade e o desenvolvemento das TIC desde o punto de vista do I+D en Galicia a través da publicación de traballos en La Voz de Galicia.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, que recoñece aqueles proxectos ou traxectorias das telecomuniacións que lle aporten beneficios á sociedade en xeral, concedéuselle nesta ocasión á sociedade Tecnocoid, formada polas empresas Arteixo Telecom e Leveltelecom, polo Sistema Intelixente de Monitorización de Alertas Persoais (SIMAP), que supón un importante impacto nos beneficios sociais como dinamizador do servizo de atención cidadá. Entre as súas múltiples ventaxas figura a localización inmediata das persoas afectadas do mal de Alzheimer ou con algunha outra demencia leve, o despregue das medidas de auxilio necesarias, así como a extensión do servizo a todo o territorio estatal.
O Premio á Mellor Aplicación TIC 2007, que recoñece as aplicacións das novas tecnoloxías aos sistemas de operatividade empresarial e industrial, correspondeulle este ano á empresa Arantia 2010, polo seu proxecto Arantia TV, que aposta pola tecnoloxía aplicada ao sector hoteleiro, ao ofrecer aos usuarios todo un abano de innovadores servizos de ocio e de entretemento a través do televisor.
O Premio Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no Sector TIC, patrocinado pola Fundación do mesmo nome e dotado con 6.000 euros, correspondeulle nesta edición á empresa Imatia Innovation, S.L. pola introducción de valor tecnolóxico en mercados tradicionais, a creación de emprego tecnolóxico e a actividade en I+D.
Durante a súa intervención, o Decano-Presidente do COETG-AETG, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, lembrou o papel fundamental dos enxeñeiros de telecomunicación ao colaboraren, dixo, “na construcción dun mundo desenvolvido cuxos límites falan dunha sociedade máis democrática, máis avanzada en protección e servizos, globalizada e conectada entre as persoas, as máquinas, o ocio e os negocios, con máis e mellor vida”.
Falou tamén do significado da Banda Larga, non só como un produto tecnolóxico, senón tamén como unha intervención social que leva parellos unha serie de beneficios en materia de educación, cultura, saúde, seguridade, entretemento, etc, de xeito que está chamada a converterse no “telefono do século XXI no que a aceptación social e utilización se refire”. Sen embargo, asegurou que “a dispoñibilidade da banda larga é condición necesaria pero non suficiente para o desenvolvemento da Sociedade da Información. “Precisamos, ademais de políticas de fomento de acceso a internet, políticas de fomento do uso da Rede por parte das institucións, empresas e cidadáns. E neste punto, require un esforzo importante por parte de todos: Goberno, Universidade, Empresas e da entrada de persoas capacitadas e cunha visión clara destas tecnoloxías”, referíndose ao colectivo de enxeñeiros de telecomunicación.

Informacións publicadas sobre os premios da Noite Galega 2007









