Abril 2008

Boletín da AETG-COETG  

EVENTOS (Cont.)

O Enxeñeiro de telecomunicación, figura clave no proceso de Apagón Analóxico

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) ofreceu unha conferencia sobre “O Apagón Analóxico: un exemplo do papel emprendedor do enxeñeiro de telecomunicación e das saídas laborais dos novos profesionais das telecomunicacións”, no marco do Foro Tecnolóxico do Emprego 2008.


O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) tivo unha destacada presenza na VIII edición do Foro Tecnolóxico do Emprego 2008, que se celebrou na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo dos pasados 7 ao 10 de abril.

VIII edición do Foro Tecnolóxico do Emprego 2008
O COETG na VIII edición do Foro Tecnolóxico do Emprego 2008

Por segundo ano consecutivo, o COETG participou neste encontro de negocios. Nesta ocasión, ademais de dispoñer dun stand expositivo propio, ofreceu unha conferencia sobre o “O Apagón Analóxico: un exemplo do papel emprendedor do enxeñeiro de telecomunicación e das saídas laborais dos novos profesionais das telecomunicacións”, a cargo do enxeñeiro superior en telecomunicación, Faustino Castro. Unha cuestión de grande importancia, especialmente ante as novidades que se aveciñan co cambio de tecnoloxía da televisión, e fronte ao fito histórico que supuxo o recente piloto de apagón analóxico de televisión completado o pasado día 5 de abril no concello lugués da Fonsagrada.


Este acontecemento, pioneiro en España, contou con participación integramente galega e foron moitos os profesionais das telecomunicacións implicados no proxecto, tanto desde a fase de deseño (da rede, mapa dixital e dos equipamentos de aboado), como na de planificación, desenvolvemento, posta en servizo, operación e mantemento da nova tecnoloxía dixital. Sen esquecer que a propia tecnoloxía empregada nos máis de 1.000 decodificadores de televisión dixital terrestre repartidos pola Administracion entre os habitantes da Fonsagrada para o momento do apagado, pertencen á empresa galega Televés.

Faustino Castro durante a súa poñencia
Faustino Castro durante a súa poñencia

Precisamente ésta foi unha das claves do relatorio impartido no salón de actos da ETSET de Vigo polo representante do COETG. Faustino Castro comezou a súa poñencia contestando á pregunta de qué pode supór a curto prazo o exemplo do recente programa piloto da Fonsagrada para o enxeñeiro de telecomunicación en Galicia e sobre as saídas que lle ofrece o mercado laboral no marco da era da dixitalización. A través da súa propia experiencia, Faustino Castro referíuse tamén á evolución e desenvolvemento da profesión no mercado estatal, o posible salto dos novos titulados aos mercados internacionais; á absorción de coñecementos e ao exercicio da actividade profesional ao amparo do COETG. Así mesmo, afondou no futuro emprendedor para o profesional das TIC a través da figura de “enxeñeiro-empresario”.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia mantén unha firme aposta por achegar o mundo laboral aos futuros profesionais das telecomunicacións na nosa Comunidade. Proba disto foi a súa participación activa no Foro Tecnolóxico do Emprego, que incluíu no seu programa, ademais de conferencias, mesas redondas e outras actividades vinculadas á toma de contacto coa realidade das empresas.

6